lunes, 30 de enero de 2012

Alxeria de ficción, Alxeria real.

O comisario Brahim LLob camiña polas rúas do Arxel de finais do século XX. É un personaxe literario de Yasmina Khadra, pseudónimo empregado polo militar Mohammed Moulessehoul, que o emprega para denunciar a corrupción dun país sumido nunha práctica guerra civil entre o FLN gobernante e o FIS, partido islamista que, tras vencer nas eleccións de 1994, foi apartado do poder polos militares antes de que formasen goberno. Foron eses os chamados anos de chumbo, unha época convulsa nun país de convulsa historia recente que prosigue nos últimos tempos malia o escaso eco nas noticias de prensa, centradas noutros escenarios da chamada primavera árabe.


O país máis grande de África na actualidade foi colonia francesa durante máis de cen anos, desde 1830 ata 1962. A súa independencia, narrada no maxistral film "A batalla de Arxel" de Pontecorvo foi un complexo e violento proceso que rematou coa retirada francesa e a presidencia de Ben Bella, cortocircuitada polo golpe de Estado de Boumedian.

Do pasado francés de Alxeria emerxe, no medio da explotación que caracterizou o dominio da metrópole, a figura de Albert Camus, indispensable referente cultural do século XX que sitou o escenario da súa novela A Peste na cidade arxelina de Orán, convertida así en metáfora do mal, da desesperación e do compromiso.

Camus e Khadra, arxelinos distintos de distintas épocas, demostras que en ocasións o camiño máis rápido para describir a realidade é empregar a ficción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario